Con esta colaboración, a Mancomunidade de Municipios Barbanza Arousa afianza a súa aposta polo Turismo Cultural e Creativo no destino turístico así coma pola desestacionalización
Boiro, 24 de novembro do 2020 – Esta mañá o vicepresidente da Mancomunidade de Municipios Barbanza Arousa, Adolfo Muiños, e Santiago García, representante da Asociación Cultural Alberto Romero asinaron un convenio de colaboración co fin de colaborar, impulsar, difundir e promocionar as actividades creadas pola Asociación Cultural Alberto Romero.
A Asociación Cultural Alberto Romero ten como fin principal a promoción da cultura audiovisual a través do seu Certame de Curtas que leva celebrándose dende fai catro anos nos Concellos de Barbanza Arousa e que conta con moi boa acollida entre o público en xeral.
Dende Barbanza Arousa comprométense con este convenio a colaborar na realización do proxecto V Certame Audiovisual Alberto Romero de curtas no que participan nenas/os desde primaria ata rapazas/es de Bacharelato, ademais de contar cunha categoría para usuarias/os dos Centros de Diversidade Funcional e outra categoría libre aberta a todos aqueles que queiran participar. Este Certame prevese que terá lugar a finais de febreiro do ano 2021 e contará con 4 premios nas diferentes categorías, de 300 euros cada un.
De forma paralela ao certame realízanse formacións anuais nos catro concellos de cómo realizar unha curtametraxe. Trátase de cursos gratuitos nos que, para o 2021, introdúcese como novidade a realización destas formacións de maneira telemática.
Con este acordo, a entidade supramunicipal, continua co seu plan de traballo de cara ao próximo ano 2021 no que é importante contar con profesionais, entidades e asociacións culturais que traballan xa no territorio, apostando así por unha implicación de proxectos culturais cos que consolidar unha proposta de turismo creativo.